
No contexto educativo actual, a capacidade de crear contido multimedia de alta calidade é unha interesante opción para transmitir e reforzar conceptos para o alumnado, tanto universitario como doutras etapas educativas. Coa finalidade de capacitar na produción dos seus propios vídeos educativos, deseñouse este curso de captura e edición de vídeo utilizando software libre. Este curso proporcionará aos participantes as habilidades básicas necesarias para gravar, editar e producir vídeos que enriquecerán as súas áreas educativas e/ou administrativas e facilitarán a aprendizaxe dos seus estudantes e compañeiros de área.
A captura de vídeo é o primeiro paso na creación de contido multimedia. Neste curso empregarase unha completa ferramenta de captura de vídeo que poderá usar diversas fontes (diferentes pantallas, cámaras web, micrófono...), combinar esas fontes e establecer diferentes escenarios intercambiables. O curso centrarase no uso da ferramenta de software libre OBS Studio, amplamente empregado entre os creadores de contidos multimedia.
Unha vez capturado o vídeo, o seguinte paso é a edición. Este proceso inclúe a organización de clips, a adición de efectos visuais e sonoros, e a exportación do produto final nun formato adecuado. O curso centrarase no uso da ferramenta de software libre Shotcut, ofrecendo unha guía detallada sobre como utilizar esta ferramenta para crear vídeos atractivos e profesionais.
Actividade financiada por:
- Profesor: Óscar Fernández Carballo